Lectura del manifiesto contra la homofobia en A Coruña





Vídeo de la lectura del manifiesto leído en la concentración contra la violencia homófoba tras la agresión sufrida por dos jóvenes esta semana





El texto del manifiesto en gallego (si alguien necesita una traducción : opentrad)

O sábado pasado, neste mesmo lugar, o meu mozo e eu fomos víctimas non só dunha agresión con ensañamento, que o foi e a vista está, senón que fomos víctimas tamén de todo o odio contido neses “cerebros a medio cocer” que viñeron, primeiro a insultarnos, logo a machacarnos.
Hai quen pensa que foi unha pelexa ou unha simple agresión. Pois a esta xente que está a mostrar tan pouca sensibilidade debemos aclararlles que non foi así. Nós non nos metimos con ninguén, non insultamos, non agredimos. Soamente procuramos defendernos e escapar, ata quedar tirados polo chan deste lugar. Doeme ver como se opina sen saber, incluso se nos continúa a insultar, mesmo despois de todo o acontecido.
Isto non deixa de ser un estímulo máis para dar a cara, para saír a denunciar o acontecido e reclamar, dunha vez por todas, a condena sen condición de calquer mostra de homofobia.
Para nós está a ser moi duro, logo da agresión, estar toda a semana a batallar porque isto non quede nun silencio. Por iso hoxe se xuntaron nesta concentración as nosas familias, os nosos amigos e amigas, así coma todos e todas aqueles que se sinten doidos polo acontecido, e non están dispostos a calar nin ser calados.
Queremos denunciar publicamente tamén a desprotección á que nos vemos sometidos ante a homofobia persistente. No noso caso foron amigos e persoas que se prestaron voluntarias nese intre, quenes nos socorreron, sen contar co auxilio dos corpos de seguridade, que como cidadáns esperamos velen pola nosa seguridade.
De xeito un pouco inconsciente non dubidamos en dar a cara, loitar polo que entendemos é inadmisible, e agora non imos agochar a cabeza. Como calquer parella mostramos o noso afecto en público, o que ademais de contrubuír á necesaria visibilidade, tamén supón un referente positivo para a nosa sociedade, na que todos quixéramos que o amor e o respecto se impuxera ao odio e a violencia.
Pero non sempre é así, e sabédelo ben. Moitos rapaces e rapazas non son capaces de vivir con naturalidade a súa sexualidade, porque o seu entorno llo impide, porque as actitudes homófobas son persistentes nos nosos días, porque teñen medo. Isto é a realidade na que vivimos, na que moitos din que as asociacións lgbt xa non son precisas, posto que acadamos moitos avances legais. Pois ben, estades a ver o avanzados que estamos: unha agresión homófoba a fin de semana, un xuizo en Vigo polo asasinato homófobo doutra parella de rapaces,... Isto canto menos é motivo de reflexión.Igualmente queremos aproveitar a ocasión para mostrar a nosa repulsa polo asasinato machista de María Rosa este mércores en Ponteceso, unha mostra máis de odio e violencia, que neste caso rematou tráxicamente. Ela tamén tiña medo, medo a denunciar, medo ao que lle podía pasar nesta nova vida que tiña por diante. Pero xa non tivo ocasión de revelarse, de protexerse, posto que o que fora a súa parella rematou con todo isto dun arrebato; un arrebato asasino e machista.
Ante todos estes feitos mostramos dor e rabia, pero temos que seguir loitando porque nada disto volva a acontecer. Nin unha soa morte máis por odio, nin unha agresión, nin un insulto. Nada disto é admisible por parte dos intolerantes que descoñecen os principios do respecto e a convivencia en paz. Por iso é o noso deber reclamar dende aquí maior protección, e dunha vez por todas unha educación baseada no respecto á diversidade e en favor da convivencia.
Pronunciemos dunha vez por todas NON Á HOMOFOBIA, NON AO MACHISMO.
Quixera rematar neste manifesto agradecendo a todos e todas aqueles que nos mostrástedes o voso apoio nestes días, que fixéstedes algo por nós e que nos estades a axudar. Seica hoxe estades aquí moitas persoas que non adoitades saír á rúa por estas cuestións e nos estades a conceder parte do voso tempo e interese pola gravidade dos feitos ocurridos, para vós o meu agracedemento. En especial quero referirme ao Servizo de Atención á Comunidade LGBT da Coruña, que fixeron todos os esforzos para estar ao noso lado. As asociacións lgbt e feministas que nos acompañades e suscribides este manifesto. O persoal do CHUAC que nos atendeu con dedicación, e todas e todos aqueles que nos estades a axudar, MOITAS GRACIAS.
A.L.A.S. A Coruña - A.L.A.S. Lugo - ACSUR Galiza - AGLET Ourense - BOGA (Mulleres Lesbicas e Bisexuais de Galiza) - Cafés Feministas - CGC (Colectivo Gai de Compostela) - Federación LGTB Aturuxo - Marcha Mundial das Mulheres - Maribolheras Precárias - Milhomes Colectivo LGTB - Mulleres Progresistas de Galicia - Nós mesmas - Oquenossaedacona (Compostela) - Panteras Rosas GZ - Rede Transfeminista Galega - Sete Cores – Transgaliza

0 comentarios:

Publicar un comentario

top